Monday 16 de September de 2024

Ribeira constitúe o Consello Escolar favorecendo a participación da Comunidade Educativa na toma de decisións


A pasada semana tivo lugar a primeira reunión do Consello Escolar Municipal, integrado por representantes de tódolos centros educativos do municipio, profesorado, alumnado, sindicatos e representantes públicos.

A reunión tivo lugar na Casa da Xuventude e houbo unha grande participación da comunidade educativa local. Fontes municipais destacan a grande implicación e participación da comunidade escolar para discutir e abordar importantes temas educativos. “A constitución e convocatoria do Consello Escolar Municipal é un compromiso deste goberno local coa Educación, co benestar dos seus cidadáns máis novos pero tamén unha aposta por fomentar órganos de participación social”.

Este evento proporcionou unha plataforma para que pais, profesorado, alumnado, sindicatos e representantes do goberno local intercambiaran ideas, expresaran preocupacións e se colabore na toma de decisións importantes que afectan á educación na nosa comunidade. Durante a reunión, discutíronse unha variedade de temas como a necesidade de establecer medidas de calmado de tráfico e seguranza viaria nas contornas escolares, a necesidade de mellorar o illamento e a renovación de fiestras en varios colexios e institutos ou a xestión dos comedores escolares e o servizo de monitorado que lle ocasionan uns gastos importantes ás ANPAS.

A comunidade escolar tratou tamén temas clave como a necesidade de que desde a Xunta adopte medidas que garantan un bo funcionamento do transporte escolar ou que dote aos centros educativos do profesorado suficiente, sobre todo o que atende a rapazada. Pérez Barral explicou que as suxestións compartidas no Consello Escolar Municipal servirán como guía para o desenvolvemento das tarefas de mantemento que debe asumir o Concello e ofreceu a colaboración do goberno para demandar á Consellaría de Educación os investimentos para que a comunidade escolar de Ribeira conte cos recursos materiais e co profesorado neceserio.

O alcalde, o segundo tenente de alcalde e as concelleiras de Educación e Facenda reiteraron o seu compromiso de continuar fomentando un diálogo aberto e construtivo entre todas as partes implicadas no ámbito educativo.